Thursday 02 de May de 2024

A andaina “Lazos de Vida” a prol da doazón de médula ósea espera superar os 300 participantes o domingo 13 de outubro en Noia


 

O Casino de Noia acollerá o sábado 12 de outubro unha charla sobre os distintos xeitos de doazón

O salón de plenos do Concello de Noia acolleu esta mañá a presentación da campaña “Lazos de Vida”, que inclúe unha charla informativa e unha ruta solidaria a favor da médula ósea os días 12 e 13 de outubro en Noia organizadas pola asociación cultural e deportiva Senda XXI, en colaboración co Concello de Noia e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). Un evento solidario coa Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame) e para o que xa están abertas as inscricións na web galitiming.com, no Concello de Noia ou no teléfono 981 84 21 00.

A concelleira de Deportes de Noia, Laura Salgado, explicou que “o obxectivo desta campaña é aumentar a solidariedade e a sensibilización da sociedade diante da importancia que teñen os doadores e doadoras para o noso sistema público de saúde, polo que dende o Concello de Noia convidamos a todos os veciños e veciñas a participar”. Un punto no que coincidiu a presidenta de Senda XXI, Manoli Filgueira, quen dixo que “informar, achegar e concienciar. Iso é o que queremos dende Senda XXI con esta charla e coa ruta pola contorna de Noia. Unha primeira de 25 km máis esixente e deportiva, e unha segunda de 10 quilómetros máis relaxada para que poida participar un público máis amplo”. Neste sentido, salienta que “o obxectivo é superar os 300 participantes”.

Pola súa banda, Mario Álvarez, coordinador en Santiago de Asotrame, agradeceu a colaboración de todas as entidades e desexou que iniciativas coma esta “sexan extensibles a máis concellos porque chegar ás grandes cidades é fácil, por iso iniciativas coma esta teñen máis mérito aínda”.

Charla e andaina

A campaña “Lazos de Vida” abrirase o sábado 12 de outubro, ás 20:00 horas, cunha charla informativa impartida por responsables de ADOS no Casino de Noia. Unha sesión coa que tentarán dar a coñecer a importancia que teñen os doadores e doadoras no noso sistema de saúde e incentivar a participación da cidadanía nos distintos programas de doazón: sangue, órganos, médula ósea…. “Terán información de primeira man e terán á súa disposición expertos que lles resolverán todas as dúbidas relacionadas coa doazón”, explicou Ángeles Pazos, responsable de comunicación de ADOS.

Ademais, para facilitar o acceso á doazón de sangue, as unidades móbiles de ADOS teñen previsto intensificar a súa presenza en concellos da comarca do Barbanza, Muros e Noia durante a campaña “Lazos de Vida”. Neste sentido, o concelleiro de Seguridade, Julio Bustelo, destaca “o carácter xeneroso e solidario dos veciños e veciñas da comarca de Noia, que acadan taxas de doazón por riba da media galega”. En concreto, na comarca de Noia rexístrase unha taxa de 49 habitantes por cada milleiro de habitantes, fronte aos 63 da bisbarra do Barbanza.

Ruta solidaria

Un día despois, o domingo 13 de outubro, terá lugar a ruta solidaria, que ofrece tres posibilidades de colaboración cun mesmo donativo de 5 euros: ruta de 25 km (con saída ás 9:00 horas e dificultade media/alta), ruta de 10 km (con saída ás 10:30 horas con dificultade media/baixa) e un dorsal cero para aquelas persoas que non poidan participar. Dúas rutas circulares con saída da Alameda de Noia e meta no polideportivo Agustín Mourís, onde terá lugar unha degustación de berberecho.

Dalia Cao, da xunta directiva de Senda XXI, adiantou que “agora que empezou a campaña marisqueira temos que poñer en valor o noso berberecho, polo que grazas á colaboración da Confraría de Noia ofreceremos ao final das andainas un ágape co noso produto por excelencia, uns días antes da Semana de Exaltación do Berberecho”.